Orixe: Galicia. España. Europa.
Función zootécnica ou da raza: can pastor e tamén de garda.
A. Breve resumo histórico.
I. Orixe da raza.
Can de tronco indoeuropeo, o seu agriotipo foi o principal antepasado dos cans de campesiño de Centro Europa, acompañando os pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos nas sucesivas ondas de invasións (celtas, suevos, visigodos e normandos) que poboaron a vertente atlántica noroccidental da península ibérica; compartindo unha orixe común cos pastores belgas, holandeses, de Picardía, Castro Laboreiro, alemáns, etc. e foron mesturadas moi frecuentemente con este último.
É o can de granxa por antonomasia que existiu desde sempre en Galicia; recibe o nome de Can de Palleiro en alusión ó palleiro onde adoita durmir.
II. Área de orixe e dispersión.
Comprende toda a zona atlántica noroccidental da península ibérica.
Atópase en toda Galicia, ó longo do agro galego. Hai animais por terras de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada (Pontevedra), nos concellos ourensáns de Allariz, Celanova, Xinzo de Limia, A Merca, O Irixo, en terras dos Ancares e interior da provincia de Lugo, así como por distintas zonas da provincia da Coruña.
B. Prototipo racial.
1. Características xerais.
Aparencia xeral.
Este animal é de tronco indoeuropeo, rústico e fornido, de tipo lupoide, de perfil recto, eumétrico, de tamaño medio, duns 60-62 cm á cruz; mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos, característica da súa rusticidade. As femias son algo máis baixas, de aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas.
A pesar de presentar unha osamenta forte non dá unha sensación de pesadez ou de animal linfático, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación.
Temperamento e comportamento.
Can pastor e de garda, polivalente, pois tanto vai coas vacas arreándoas e gardándoas como tamén coida da casa. Gardián de proverbial intelixencia, presenta un carácter forte e reservado cos estraños, sendo ademais valente e trabador, características que o fan un gran colaborador na conducción e garda do gando. Cunha gran fidelidade para co seu amo, coa xente da casa tórnase doce e tranquilo.
É necesario destaca-la estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, propio dun can pastor, polo que este trazo débese coidar en extremo, fomentando a selección de exemplares equilibrados e suficientemente socializados.
2. Características rexionais.
Cabeza.
A cabeza é forte, cunha lonxitude aproximada de 4/10 a alzada á cruz, en forma dunha pirámide horizontal, con óso denso, proporcionada coa conformación do animal. O cranio é plano e largo, con arcos superciliares suavemente marcados e concas orbitarias pouco apreciables. A depresión frontonasal non é moi evidente. O nariz e o fociño son medianos e angostos, proporcionais ás dimensións da testa. Os beizos son normais e apertados (sen que o superior supere a base das enxivas inferiores), non teñen tendencia a ser colgantes. As mandíbulas son fortes, con arcada dentaria completa e ortognatos, coa trabada en tesoira. Os ollos son de mediano tamaño e de expresión vivaz, de cor variable, desde castaña escura nas capas negras, ata a cor mel ou amarela; nalgúns exemplares, a pigmentación das pálpebras é negra. As orellas son de inserción alta, grandes e erguidas, cunha implantación un pouco aberta.
Pescozo.
Presenta un pescozo musculoso e proporcionado coa cabeza e o tronco. Debe formar un ángulo coa horizontal de 45º, a elevación é máis evidente co can en acción. A pel non forma papada.
Tronco.
O corpo no seu conxunto é mediano aínda que lixeiramente alongado. A cruz é forte para a inserción co pescozo; a liña dorso-lumbar debe ser lixeiramente descendente, sen enselarse, con lombo curto, ancho e forte, a cruz dos cadrís é redondeada. O peito é longo e profundo, o seu perímetro supera en Œ a súa alzada á cruz, con fortes costelas que non son aplanadas nin pronunciadas. O abdome é curto e lixeiramente ascendente ós pregamentos do ventre. O rabo é groso, de nacemento alto e presenta abundante e denso pelo, en movemento elévao pero non o leva enroscado na cruz dos cadrís.
Extremidades.
As extremidades son rectas e ben verticais, presentando unha forte estructura ósea.
-As extremidades anteriores.
Son fortes, secas, paralelas e ben verticais. A escápula forma un ángulo de 45º coa horizontal, uníndose co brazo en ángulo recto (articulación escápulo-umeral). O brazo é forte e musculoso. Os cóbados non deben estar moi separados nin apertados ó peito, con liberdade de movementos.
Antebrazos rectos que diminúen o seu grosor de xeito gradual ata as cuartillas ou metacarpos. Os carpos son de bo desenvolvemento e fortaleza. Os metacarpos están ben proporcionados, con bo desen
volvemento óseo. Os pés son ovalados, aínda que con certa tendencia a ser redondeados; con dedos grosos e curtos, ben pechados, con almofadas plantares moi duros e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou tamén brancas nas capas claras.
-As extremidades posteriores.
Son fortes, paralelas, perfectamente verticais posteriormente e con angulacións evidentes. Pernil largo, musculoso e flexible. Xeonllo forte. Pernas fortes. Xarretes fortes e paralelos. Metatarsos sólidos, robustos e paralelos. Pés ovalados, con tendencia a redondearse, con dedos grosos e curtos, ben pechados, con almofadas plantares moi duros e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou branca, nos animais de capa clara. A presencia de esporón e sexta unlla é relativamente frecuente, aínda que non é desexable.
Movemento.
Os movementos son áxiles e fortes. O movemento habitual é o paso, trocando ó trote e/ou galope sen esforzo se o traballo o require.
Manto.
Pel.
A pel tende a ser grosa, sen flaccidez, adherida ó corpo e á testa.
Capa (cor).
A capa (cor) é normalmente uniforme, presentando unha gran variedade desde areas, canelas, castaños, leonados e incluso negros; en ocasións poden presentarse exemplares coa capa binaria alobada (pelos de cor amarela e nas puntas, negra), coa mestura íntima de pelos amarelos e escuros, amarelando no pescozo, gorxa, peito e extremidades, como sucede nos casos de exemplares desta capa (can lobo). Non son aceptables os individuos brancos marxados nin aqueles con grandes particularidades brancas.
Pelo.
En canto ó pelo é espeso, tupido e denso, máis no inverno, por ser un animal que adoita vivir ó pé da casa, sempre fóra, co gando ou no palleiro.
Tamaño e peso.
Alzada á cruz.
Machos 59-65 cm; femias 57-63 cm.
Peso.
Machos 30-38 kg; femias: 25-33 kg.
C. Faltas, defectos e faltas e defectos descualificables.
C.1. Faltas.
Calquera desviación dos criterios mencionados.
C.2. Defectos.
Orixina a diminución máis ou menos acusada dalguna función determinada do animal, podendo ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao en
que se vexa menoscabada a aptitude esencial do animal:
-Coxeiras en extremidades.
-Ablacións ou mutilacións en orellas e rabo.
-Ausencia de pezas dentarias por extraccións.
-Traumatismos nos ollos con perda de visión.
C.3. Faltas e defectos descualificables.
Son aquelas características que en absoluto se axustan ós criterios mencionados no estándar racial e son excluíntes por si mesmas:
-Anomalías psíquicas.
-Defectos anatómicos ou de tipo, ligados a xenes indesexables:
Inestabilidades ou desequilibrios de carácter.
A timidez ou agresividade extrema sen provocación.
Epilepsia.
Monorquidia e criptorquidia.
Displasia de cadeira.
Atrofia progresiva da retina.
Peches incorrectos das arcadas dentarias: enognatismos e prognatismos.
Ausencia de máis de dous premolares.
Albinismos.
Os exemplares brancos marxados.
As capas brancas ou con grandes particularidades brancas.
Iris de cor azul.
CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA
ORDE do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Can de Palleiro e se crea o libro xenealóxico da raza.