O can galego, o Can de palleiro

A historia do “Can de Palleiro” comeza hai moitos anos nas rexións de Centro-Europa onde as tribos que habitaban aquelas terras axudábanse nas súas tarefas diarias dos devanceiros dos Pastores Alemáns, Belgas, De Picardía, Cans de Palleiro e outros cans pastores que hoxe nos acompañan. Todos eles comparten, por tanto, unha orixe común.

Estes antigos poboadores de Europa, nas súas continuas migracións, foron asentándose no norte e noroeste peninsular e  con eles os seus cans. A continua evolución nas súas funcións e a adaptación ao medio en que vivían  deu como resultado a aparición dun mesmo tipo de can en calquera zona de Galicia, con distintas capas e nomes segundo o lugar, Can de  Palleiro, Can das Vacas, Lobeiro, ….Mais en esencia tratábase do mesmo animal co mesmo carácter, morfoloxía e sentimento. Un tipo de can sufrido e traballador incansable  que se utilizaba fundamentalmente para conducir as vacas o través dos prados e impedir que  escapasen, recollelas nos cortellos, acompañar aos vellos e aos nenos nas casas e alertar da presenza de estraños a espera dunha sinal do seu dono sobre como había de facer.

Este era o tipo de can que existiu dende sempre en Galicia e do que todos sabiamos da súa existencia mais, pese a todo,  ata agora nunca estivo  valorado no máis mínimo nin apreciado na súa xusta medida.

O trato que historicamente se lle deu a estes animais foi realmente penoso posto que, como nin se come nin da leite,  sempre foi considerado un ser de segunda situándose por detrás de vacas, porcos, ovellas e mesmo galiñas.

Por outra banda tamén hai que ter en conta  “os tempos  escuros”, que dicía Rosalía,  que lle tocou vivir á nosa comunidade onde a comida escaseaba e destinala a un animal que, en principio, non reportaba nada era un luxo que non moitos podíanse permitir  polo que o Can de  Palleiro sobrevivía comendo o que atopaba e durmindo na  palleira. Precisamente de aquí é de onde toma o nome o noso can.

Esta época de escaseza que comentamos foi a que obrigou a moitos dos nosos compatriotas a emigrar a outras partes de España, Europa e América e foron estes emigrantes cando retornaban ou viñan de vacacións os que foron introducindo outras razas, sobre todo Pastor Alemán e Belga, que se cruzaron moi frecuentemente cos nosos cans autóctonos e que colocaron a súa supervivencia ao bordo da extinción pola crenza errónea de que “ o que vén de fóra é mellor”.

A recuperación desta raza iniciouse no ano 1999 pola inquietude da Xunta de Galicia que se propuxo comprobar  a existencia deste can pastor, así que iniciou esta tarefa entregando aos veterinarios do servizo de saneamento gandeiro un cuestionario para  identificaren o tipo de can que atopaban nas granxas nas súas visitas.  Unha vez recompilados estes datos e descartadas as valoracións máis  discordantes efectuáronse visitas in situ ao resto de exemplares, dando como resultado a constatación fidedigna da existencia do mesmo tipo de can en distintos lugares de Galicia con distintas capas e nomes mais sendo o mesmo tipo de animal e coas mesmas funcións. Nesta prospección inicial recibíronse 279 enquisas, seleccionáronse 45 exemplares, 38 machos e 7 femias, e fixéronse xa os primeiros cruces.

Posteriormente no ano 2001 publicouse o estándar oficial da Raza e  recoñeceuse oficialmente polo Ministerio de Agricultura como raza autóctona española.No ano 2002 constituíuse o Club da Raza Can de  Palleiro  que actualmente  se ocupa da parte práctica do proceso de recuperación.

A día de hoxe hai preto de 2000 exemplares rexistrados no Libro de  Orixes  do Can de  Palleiro, cuxo propietario é a Xunta de Galicia, e a súa presenza esténdese por toda Galicia, resto de España (País Vasco, Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura,…), e tamén polo Brasil, Arxentina, Noruega, Francia, Holanda, Alemaña, Irlanda, Ucraína, Marrocos e outros países. É de destacar a súa presenza en Brasil, onde se está  a utilizar na súa primitiva función de condutor do rabaño en distintas explotacións vacunas,  tal e como aínda se utiliza hoxe en día na nosa comunidade.

Pese a que a súa función orixinal é, como comentabamos, a de ser condutor do rabaño, tamén hai exemplares dedicados a distintas funcións con excelentes resultados. Así  hai animais adestrados  para valer as persoas discapacitadas, en terapias de axuda aos nosos maiores,   en agility, como can de salvamento na procura de persoas, etc. E que o Can de  Palleiro non é o primeiro en nada pero é o segundo en todo e como dicimos en Galicia,  SÓ  LLE FALTA  FALAR.  Despois de todo isto, animámosvos a que coñezades este incrible e descoñecido can e poñémonos á vosa disposición dende a nosa páxina www.aldeavella.es, porque se hai algo tan galego como as “ Meigas” ou o “Pulpo  á  Feira”, iso é o Can de  Palleiro. –ORGULLO DE RAZA–.